Obxectivos
  Introducción     Metodoloxía     Contidos     Banco de datos     Bibliografía     Contacto     WEB CCSS MONTOJO     Reseñas  
Xeral:
Home page

Obxectivos

En resumo, con este proxecto, pretendemos por unha banda, estudar os cambios sociais ocurridos na España contemporánea dende un punto de vista preferentemente lexislativo-constitucional e a paralela evolución dos dereitos da muller no noso país e, por outro, pretendemos proxectar este estudo a través dun portal de información en Internet, no que se recollen algúns dos documentos máis salientables relativos a este asunto, comezando polos diversos textos constitucionais, con especial referencia aos dereitos civís e políticos da muller, para a continuación poñer a disposición dos alumnos de ciencias sociais, primeiro, e logo, máis adiante, de todo o mundo interesado por estes temas, presentacións gráficas nas que se desenvolvan exposicións xerais das principais liñas definitorias deste Século das Mulleres.

Tamén temos inseridos datos e unha exposición xeral das representantes políticas máis salientables do movemento de defensa dos dereitos femininos en España, na etapa da segunda república en primeiro lugar, e na actual etapa constitucional, despois.

Cremos que este proxecto ten mostrada unha evidente natureza transversal (educación en valores, formación constitucional, educación para a igualdade), cuxo obxectivo primordial sería a educación en valores, xa que consideramos que a educación ou educa en valores ou non é educación. É un principio básico que está retomando o pensamento pedagóxico e as prácticas educativas emancipadoras, co convencemento de que, a pesar das dificultades, a educación debe ser integral, para que sexa educación. Temos que acadar no alumnado unha formación o máis integral posíbel e para elo son fundamentais os contidos transversais. Os temas da igualdade, da democracia, etc., son contidos transversais que complementan os restantes contidos curriculares. Consideramos moi negativa a forte influencia que os medios de comunicación social teñen nos alumnos no relativo aos valores, actitudes... de xeito que consideramos que os profesores debemos xogar un papel máis relevante neste sentido e establecer unha relación cos contidos sobre todo das materias de Historia Contemporánea do departamento de Ciencias Sociais, que xustifican sobradamente o seu interese, sobre todo, porque lonxe de estar realizados na práctica os dereitos da muller, necesitan unha reflexión e un reforzamento constante, en especial no ámbito da educación secundaria.

Reforzando o traballo educativo nos contidos relativos á igualdade de xénero, poderiamos contribuir, como indican os estudos máis serios sobre o asunto da violencia de xénero, a remover algunhas das bases ideolóxicas e comportamentais da nosa sociedade desigual. A educación non é o único resorte para o cambio social, pero proxectos que incidan sobre a raíz dalgúns problemas sociais, poden contribuir positivamente a súa solución.



Printer-friendly version